Actualidade O torneo de FIFA 20 de Ibai: 140.000 euros recadados e Asensio o seu gañador

O torneo de FIFA 20 de Ibai: 140.000 euros recadados e Asensio o seu gañador

O positivismo de Ibai é contaxioso, tanto que calquera evento organizado baixo o seu nome atraerá xa non miles, senón millóns de ollos. Hai uns días, o famoso comentarista anunciaba que quería reunir futbolistas da liga para un torneo benéfico de FIFA 20 e recadar diñeiro na loita pola nova gripe. Desde o primeiro minuto, diversos medios e xogadores internacionais apoiaron a idea.

Co obxectivo posto nos 100.000 euros doados polos espectadores a través de Twitch, o torneo non tardou en se converter nun fenómeno viral que chegou a reunir a máis de 15 millóns de espectadores na súa final. Case nada. Xogadores como Marcos Llorente ou Kevin Vázquez cambiaron o céspede de herba polo dixital e demostraron o seu dominio do mando. Emporiso, foi Marco Asensio, en representación do Real Madrid, o que se fixo coa gran final, amosando un notable dote para o FIFA.

Cadro completo de participantes e resultados, con Asensio e Ruibal na final.

Os beneficios cóntanse xa en 140.000 euros, que serán doados de maneira íntegra para a loita contra o coronavirus. Amais de Ibai, tamén participaron outras voces míticas do fútbol, como Manolo Lama ou Miguel Ángel Román.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.