Elden Ring lanza o parche 1.03 que engade máis misións, música e varias correccións

Elden Ring lanza o parche 1.03 que engade máis misións, música e varias correccións

From Software acaba de lanzar o parche 1.03 para todos os sistemas nos que está dispoñible Elden Ring. O equipo dirixido por Hidetaka Miyazaki parece que ten moito máis que contar na súa última obra, malia que esta xa sexa enorme.

O presente parche inclúe un novo NPC chamado Jar-Bairn, se ben non nos din a súa localización, polo que tocará buscalo nalgún lugar das Terras Intermedias.

Doutra banda, temos novas misións para Diallos, Nepheli Loux, Kenneth Haight e Gostoc. Tamén foron engadidas novas marcas de invocación para algunhas batallas para que os NPC boten unha man cando máis precisemos deles.

A Gracia de Imitación agora permite que nos transformemos en máis obxectos e temos novas melodías para certas zonas cando o día muda pola noite. Ademais, no mapa poderemos rexistrar cunha icona o nome e o lugar do NPC que topamos neste.

Por último, From Software confirma que correxiron até 24 erros que estabilizarán todas as partidas, diversos bugs que tiñan que ver co escalado das armas ou interaccións con algúns NPC.

Iso si, unha mala nova para moitos: a bágoa mimética, esa invocación que nos permite ter ao noso carón unha réplica nosa para loitar contra os inimigos, foi nerfeada e fai menos dano os inimigos. Toca comprobar se aínda paga a pena ou o nerfeo foi realmente potente. Boa cousa é que os escudos son máis efectivos e tamén temos armas mellor balanceadas.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados