Elden Ring xa vendeu máis de 12 millóns de copias en todo o mundo

Na Gruta de Gizamaluke xa falamos unha chea de Elden Ring e pronto Morcego recibirá algunha que outra cousa en formato letra e píxel. Sexa como for, o que está claro é que a última obra de Hidetaka Miyazaki está a ser un fenómeno mundial que agora amosa as súas primeiras cifras: From Software xa logrou colocar máis de 12 millóns de copias en todo o mundo.
Desta brutal cantidade, que de quedar aquí xa podería ser considerado un éxito absoluto, un millón son do Xapón. A cifra oficial recolle as vendas en todos os sistemas —non as copias distribuídas—, é dicir, PC, PlayStation 4, PlatStation 5, Xbox One e Series X|S.
O director do xogo publicou un comunicado breve e conciso sobre este éxito inicial e, en certa medida, xa absoluto. «É asombroso ver cantas persoas estiveron xogando Elden Ring. Gustaríame estender o noso máis sincero agradecemento en nome de todo o equipo de desenvolvemento».
Na súa liña, Miyazaki amosa este agradecemento dun xeito sinxelo, como quen acaba de crear un dos mundos de fantasía escura máis interesantes da historia, mais ten que seguir traballando noutra historia.
Doutra banda, Yasuo Miyakawa, presidente de Bandai Namco, quixo sumarse aos agradecementos, sinalando a súa intención de levar a marca máis aló do propio videoxogo: «Prestaríame aproveitar esta oportunidade para agradecer a todos os afeccionados que levaron Elden Ring ás súas vidas. Estou moi orgulloso de participar en dar vida a un xogo tan marabilloso e fantástico con From Software baixo a dirección de Miyazaki e George R. R. Martin».