Actualidade Electronic Arts merca Glu Mobile por 2.400 millóns de dólares

Electronic Arts merca Glu Mobile por 2.400 millóns de dólares

Falta asinar e facelo oficial e material, mais Electronic Arts adquiriu Glu Mobile por 2.400 millóns de dólares. Trátase da compañía responsábel dunha chea de títulos free-to-play para iOS e Android, como Kim Kardashian Hollywood, Disney Sorcerer’s Arena ou Restaurant Dash: Gordon Ramsay. Tamén posúe a licenza de explotación da WWE, a liga nacional de baseball estadounidense, Pixar, Disney e moitas outras marcas de enorme interese comercial.

A través dun comunicado emitido desde a mesma compañía, o director executivo de EA, Andrew Wilson, destacou a enorme oportunidade que é incorporar ao seu conglomerado de estudios Glu Mobile, a propósito do crecemento evidente do mercado móbil, situándose como «a plataforma de xogos máis grande do mundo». Nas súas palabras, EA, logo da adquisición de Glu, duplicará o seu tamaño dentro do negocio dos dispositivos móbiles.

Queda pendente que a xunta directiva de Glu aprobe a adquisición, pero Nick Earl, fundador da compañía, xa se mostrou entusiasmado coa compra, sinalando que esta transacción sería a culminación do enorme traballo que o seu equipo foi realizando ao longo destes anos. O movemento empresarial a levar a cabo non fará outra cousa que impulsar e expandir as oportunidade da compañía.

EA non perde o tempo. Fixo agora dous meses da compra de Codemasters por 1.200 millónes de dólares. Hoxe, volveu a abrir a billeteira. Non é un feito illado, e indica e corrobora a boa saúde financeira que atravesa a compañía dona de FIFA.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.