
Electronic Arts rectifica e retira os anuncios intrusivos de UFC 4
Marcha atrás. Esa é a medida que tivo de tomar Electronic Arts após a polémica xurdida entre a comunidade de UFC 4. O título de combate amosaba diferentes anuncios comerciais sen previo aviso, tapando a pantalla durante un breve período de tempo.
Esta incursión publicitaria foi duramente criticada polos xogadores, que acusaron á compañía de introducir publicidade intrusiva no xogo. O balbordo causado obligou a EA a retirar os anuncios e publicar un comunicado explicando o sucedido.
A empresa estadounidense afirma que «este inventario publicitario non é novo na franquía de UFC, aínda que normalmente reservamos a visualización de anuncios en mosaicos específicos do menú principal ou na localización do logotipo do octágono». Desde logo, EA aprendeu a lección xa que «queda moi claro que a integración de anuncios na experiencia de reprodución e superposición non é benvida. O equipo desactivou os anuncios e desculpámonos por calquera interrupción do xogo».
EA unha vez máis recoñeceu os seus erros asegurando que deberían comunicar a introdución da devandita publicidade. Ademais, insisten en que este tipo de insertos non volverán aparecer no futuro.