Elite Dangerous: Odyssey expandirá o seu universo coñecido, e farao fóra das naves
Elite Dangerous: Odyssey é a expansión que quere facer do xogo orixinal algo aínda moito máis grande. Frontier Developments avisou da súa presenza na gala dos Game Awards e non defraudou. No seu novo vídeo, que funciona como un adianto real e visual do que nos espera, mostra a acción terrestre pola que aposta este engadido: visitar a pé os mundos que habitan o seu universo.
Cun lanzamento previsto para principios de 2021, Odyssey incluirá novos tipos de misións e incursións con combates tácticos, enlazando a acción en terra firme coa simulación espacial que tan bos resultados lles xerou ao longo dos últimos anos. Entre as novidades destaca tamén a posibilidade de personalizar os nosos personaxes con diferentes traxes espaciais e accesorios. Visitar terra firme si, pero con elegancia e estratexia.
«Naves espaciais, vehículos en terra e comandantes enfrontaranse en devastadores combates aire-terra», explican os seus responsábeis. «Os xogadores poderán elixir unha gran cantidade de armas e accesorios para adaptalos á estratexia e obter diversas vantaxes tácticas».




