Actualidade Embracer Group merca Gearbox, creadores de Borderlands, por 1.300 millóns de dólares

Embracer Group merca Gearbox, creadores de Borderlands, por 1.300 millóns de dólares

É difícil saber xa cantos estudos adquiriu Embracer Group nos últimos tempos. A empresa propietaria de THQ Nordic ten un capital suficiente para sorprender cunha nova compra cada certo tempo. A última? A incorporación de Gearbox Entertainment ao seu conglomerado, os creadores da saga Borderlands.

Así é, a compañía de Randy Pitchford, que posúe máis de medio milleiro de empregados, pasará a ser unha subsidiaria tras realizarse unha transacción de preto de 1.300 millóns de dólares. Segundo o estipulado no acordo, este permitirá a Gearbox contar cunha parte das accións de Embracer Group ao mesmo tempo que esta última tentará impulsar o seu catálogo e desenvolvemento de xogos AAA.

«A sensación en Gearbox é que tan só estamos a empezar e esta transacción non é un simple estímulo para o talento da nosa empresa, senón un propulsor para o emocionante futuro que estamos a planear», comentou Pitchford sobre a operación. Pola súa banda, Lars Winfegors, fundador e director executivo de Embracer Group tamén aproveitou a ocasión para valorar o movemento económico, sinalando que Gearbox é «posiblemente un dos desenvolvedores independentes máis creativos e valiosos do mundo», e que a súa idea será ofrecer todos os recursos da empresa para que así siga sendo.

Durante o 2020, Embracer Group comprou outros estudios, como 4A Games, New World Interactive, DECA Games, Vermila Studios, Rare Earth Games, Palindrome Interactive ou Pow Pow Entertainment. En maio comentaron que tiñan uns 120 videoxogos en desenvolvemento, con 70 deles sen anunciar.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.