Embracer Group faise con Eidos, Crystal Dynamics e Square Enix Montreal
Luns, 2 de maio, e a industria do videoxogo vive outra xornada desas que apuntan nunha dirección: menos estudios pequenos e medianos, máis enormes conglomerados de marcas. Embracer Group, logo de mercar no seu día Gearbox —Borderlands— por 1.300 millóns, decide facer un novo movemento e pasa polo mercado de Square Enix para levar tres dos seus estudios: Eidos, Crystal Dynamics e Square Enix Montreal.
A cousa xa é oficial, e os novos estudios pasarán a estar baixo o paraugas dunha das empresas que máis medrou nos últimos anos e que xa ten ao seu cargo importantes grupos como THQ Nordic ou Koch Media. Canto abriron a billeteira nesta ocasión? Un pouquiño, sacaron 300 millóns de dólares dela.
A cousa é que tamén levan e suman as principais marcas (IP) destes estudios. De tal xeito, lendarias franquías como Tomb Raider, Deux Ex ou Legacy of Kain pasan a estar baixo o control do Embracer Group. Visto así, o prezo pagado xa non parece tanto.
A suma do tres estudios engádelle a Embracer Group un total de 1.100 empregados a través de oito oficinas repartidas por todo o globo que seguirán traballando para traer experiencias tripla A baseadas nas citadas franquías.
Doutra banda, Square Enix tamén emitiu unha nota de prensa de seu na que explica que estes cartos serán investidos en novos eidos, como a tecnoloxía blockchain (NFTs), intelixencia artificial e a nube. Cada quen coa súa película.