Actualidade Epic Games confirma que recibirá 1.000 millóns de dólares dos seus investidores

Epic Games confirma que recibirá 1.000 millóns de dólares dos seus investidores

O de Epic Games é un plan a longo prazo. Por iso, cando hai uns días anunciou que sufría perdas derivadas da compra de exclusividades ou dos títulos que foi regalando ao longo destes dous últimos anos, a sorpresa non foi excesiva nin maiúscula. E o certo é que os seus investidores tampouco se sorprenderon nin tampouco dubidaron en continuar co seu apoio. A través dunha publicación no seu blogue, a compañía informou que acaba de completar unha nova de rolda de financiamento por valor de 1.000 millóns de dólares.

Curiosamente, 200 deses millóns proveñen de Sony —xa fixera un investimento de 250 millóns no pasado—, feito a destacar dentro do movemento, amais de visibilizar o xogo na sombra que as compañías realizan alén dos seus sistemas e servicios directos. Segundo o exposto no comunicado oficial, «este acordo enmárcase dentro da relación xa próxima entre as dúas empresas e reforza a súa misión compartida de avanzar na estado da arte en tecnoloxía, entretemento e servizos en liña socialmente conectados».

Doutra banda, nas achegas desta rolda, aparecen marcas como Appaloosa, Baillie Gifford, Fidelity Management & Research Company LLC, GIC e diversos fondos. Máis aló destes movementos económicos, Tim Sweeney continúa a ser o accionista maioritario de Epic Games.

Cómpre non esquecer que Tencent mercou un 40 % de Epic Games no ano 2013 por 330 millóns de dólares. Todo parece indicar que foi un investimento bastante bo: a día de hoxe, o total das accións de Epic teñen unha valoración 28.700 millóns de dólares.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.