Actualidade Epic Games invirte en Core, a ambiciosa plataforma de creación de videoxogos

Epic Games invirte en Core, a ambiciosa plataforma de creación de videoxogos

15 millóns de dólares. Esa é é a cifra coa que Epic Games pechou o seu acordo de investimento en Manticore Games, empresa propietaria de Core. Desta forma, a compañía adquire influencia sobre o universo que permite explorar xogos e mundos creados pola comunidade mundial de desenvolvedores.

«Construído con Unreal, Core exemplifica este futuro e vai un paso máis aló ofrecendo unha contorna onde calquera pode crear fantásticos xogos multixogador e presenta un metaverso onde os xogadores van descubrir entretemento infinito», declarou Adam Sussman, presidente de Epic Games.

A ambición detrás do proxecto é alta, xa que desde Manticore Games pretenden revolucionar o desenvolvemento de videoxogos ao mesmo nivel que o fixo Youtube coa creación de vídeos. En marzo Core foi aberto á fase alfa e xa alberga a numerosos títulos de diferentes xéneros no seu interior, grazas tamén ao programa piloto para creadores que outorga un millón de dólares para novas obras.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.