Actualidade Epic Games merca Psyonix, o estudio de Rocket League

Epic Games merca Psyonix, o estudio de Rocket League

Epic Games, omnipresentes a día de hoxe na actualidade do videoxogo, fixo pública a adquisición de Psyonix, o estudio responsable de Rocket League, a exitosa fusión entre fútbol e automobilismo.

Descoñécese (e quizais siga así) a cantidade de cartos que os responsables de Fortnite tiveron que sacar da billeteira para realizar a operación empresarial, pero  de entrada falamos dun estudio que conta cun dos títulos máis populares do mundo tras despachar 10,5 millóns de copias e contar con 57 millóns de usuarios rexistrados.

Rocket League foi lanzado no 2015 e hoxe está dispoñible en PS4, Xbox One, Nintendo Switch e PC.

Pasará a ser exclusivo da Epic Store?

Aínda que tal afirmación chegou a ser un feito con data, «a finais de 2019», por partee dalgúns usuarios, a compañía realizou unha actualización a estas declaracións para sinalar que non entra nos seus plans deixar de vender Rocket League na tenda de Valve. Os usuarios entenderan mal o comunicado lanzado desde a propia Epic, que rezaba tal que así: «A versión de PC de Rocket League chegará á Epic Games Store a finais de 2019. Mentres tanto, seguirá estando dispoñible para a súa compra en Steam; a partir de aí seguirá recibindo soporte en Steam para todos os compradores existentes». Non poucos teorizaron que se deixaría de vender tras ese prazo.

Pero o certo é que, en posteriores declaracións de Epic a medios estadounidenses, o asunto volveuse tocar e de novo quedou no aire ao falar de «plans a longo prazo» que se anunciarán no futuro.

Pola súa banda, Psyonix explicou nun pequeno comunicado que «nada vai cambiar!» e que manterán o seu compromiso «coas actualizacións de Rocket League para incluír novas características, novo contido e novas formas de xogar mentres esteades connosco».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] «Prepara as lentes de sol de aviador e o radiocasete, porque vas volver atrás no tempo na nosa particular homenaxe ás películas, as series de televisión e a cultura dunha das décadas máis influentes da historia», explican desde Psyonix, estudio responsable do título competitivo, recentemente adquiridos por Epic. […]