Actualidade Epic Games quere competir de ti a ti con Steam

Epic Games quere competir de ti a ti con Steam

Achéganse tempos máis que interesantes no horizonte. Se apenas hai uns días Steam cambiaba a súa política de repartición de beneficios coas editoras de videoxogos, á espera de favorecer ás máis grandes, agora Epic Games quere revolucionar a escena coa súa propia tenda en liña, Epic Games Store, e competir de ti a ti coa plataforma dixital de Valve.

Os creadores de Fortnite e Gears of War non queren durmirse no éxito e o diñeiro que o battle royale máis xogado no mundo está a brindarlles. A través do blogue oficial de Unreal Engine, Tim Sweeney, fundador e conselleiro delegado da empresa, confirmou o inminente lanzamento deste proxecto. O seu obxectivo é contar cunha tenda que sexa “xusta no económico” e  que permita “manter unha relación dese cos xogadores”. A noticia chega como unha chuvia de gasolina que avivará o lume orixinado entre as pequenas e medianas compañías tralo anuncio de Valve sobre a súa política de distribución de beneficios.

Que ofrecerá Epic Games Store? De entrada, un maior beneficio aos creadores. As editoras obterán o 88 % de cada venda, deixando o 12 % restante a Epic Games. Na práctica, serían uns royalties máis que interesantes, moi mellorados fronte á competencia.

A cousa non queda aí. A empresa americana tamén confirmou que os proxectos publicados nesta nova tenda dixital estarán exentos de pagar o 5 % en concepto de royalties se o xogo funciona grazas ao motor gráfico Unreal Engine. Para conseguir unhas condicións similares en Steam, segundo algúns medios dixitais, un creador tería que chegar a facer, polo menos, 50 millóns de dólares para evitar este tipo de impostos relacionados coas licenzas do motor.

Comparación de beneficios e royalties polo uso de UE4 ou Unity en Steam e Epic Games Store

A comunicación entre estudos e usuarios tamén quere priorizarse. Os xogadores que compren un título recibirán logo noticias, actualizacións e información sobre futuros lanzamentos da mesma compañía. Da mesma maneira, tamén será posible recibir no enderezo electrónico esta información, sempre que o usuario queira, claro.

A chegada de Epic Games Store producirase en PC e Mac ao longo dos próximos meses, e abrirase a Android e outras plataformas ou sistemas operativos durante 2019.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.