Epic Games sube a súa aposta: un xogo de balde cada semana

Decidida a seguir o seu camiño e procurar un oco dentro do mercado dixital, Epic Games vén de cobrar a súa aposta no eido de ofrecer xogos de balde. Agora, no canto de ofrecer un título gratuíto cada dúas semanas, ofrecerá un cada sete días. O plan é manter esta no oferta no tempo, como mínimo, até que remate o 2019.
O anuncio queda rexistrado como unha das grandes novidades que a empresa quería transmitir no E3. A outra foi a exclusividade de Shenmue III coa súa tenda –hai uns días tamén figuraba en Steam– na versión para PC. O título distribuído por Deep Silver e Shibuya Productions atrasouse hai nada até novembro. Durante o PC Gaming Show puidemos ver novo material deste futuro capítulo na vida de Ryo HazukiM; a melloría gráfica do proxecto é evidente en comparación a adiantos pasados.

Captura de pantalla que mostra a oferta de balde cada sete días, xa activa.
Ofertas na praia e no horizonte
Hoxe, Kingdom New Lands figura como o xogo gratuíto que oferta Epic Store. Até o 13 de xuño, aí seguirá. Logo será a quenda do xenial Enter the Gungeon –título que desde Morcego recomendámosvos encarecidamente– e que ao longo de sete días poderá ser adquirido pola interesante cantidade de 0 euros.
Xa sabedes que abrir unha conta en Epic Games e na súa tenda non ten ningún custo, tampouco as ofertas deste tipo. Con todo, a comunidade de xogadores non ve con bos ollos a estratexia empresarial que está a levar Epic, e de novo quixo criticar, movida pola carraxe, ese golpe sorpresa de facerse coa exclusividade de Shenmue III.
Outro dos xogos que soamente poderemos xogar desde esta plataforma –ao menos neste 2019– é Borderlands 3, o looter-shooter de Gearbox. Ao longo do E3 fóronse confirmado outros nomes como Chivalry 2, Auto Chess e Zombie Army 4: Dead War.