Actualidade Epic Games merca Mediatonic, creadores de Fall Guys

Epic Games merca Mediatonic, creadores de Fall Guys

Logo de tocar o ceo do éxito con Fall Fuys: Ultimate Knockout, o xogo estrela do pasado verán, Mediatonic pode volver rir. O estudio foi adquirido por Epic Games, compañía que segue cos seus plans de expansión coa billeteira na man.

A nova está a correr como a pólvora polas redes sociais, sobre todo após a súa confirmación oficial por parte de ambas as dúas compañías. Desde as súas redes sociais, Mediatonic tentou explicar como lles afecta esta operación aos seus xogos e trata de resolver dúbidas de diversa índole. Hai cambios? O certo é que si. Primeiro, o estudio responsábel da obra pasará a chamarse Tonic Games Group, malia que tamén queren mandar unha mensaxe tranquilizador á comunidade: Fall Guys non cambiará os seus plans actuais.

Na práctica, isto pode ser tomada como unha mensaxe positiva, mais haberá que ver a realidade a medio e longo prazo. Epic xa adquiriu no seu día licenzas con enorme potencial como Rocket League, cambiando e mudando as relacións entre o título e os xogadores a diversos niveis. Polo momento, o party royale seguirá en Steam, que é a gran cuestión que moitos expoñen. Tamén está dispoñíbel para PS4 e PS5, e pronto en Switch e Series X|S.

Pola súa banda, desde Epic Games tamén emitiron unhas palabras a través da súa cara máis visible, Tim Sweeney, fundador e director executivo de Epic Games, quen afirma que «non é ningún segredo que Epic inviste na construción do ‘metaverso’ e Tonic Games comparte este obxectivo. Namentres Epic traballa para construír este futuro virtual, precisamos un gran talento creativo que saiba como crear xogos, contido e experiencias poderosas».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.