Opinión Opinión :: Epic Store, Fail Store

Opinión :: Epic Store, Fail Store

Puido ser tan bonito…

Cando a finais do ano pasado escribín un artigo sobre a Epic Store todo parecía ser marabilloso: unha nova tenda abría os seus brazos para que o mundo do PC tivese un novo referente, unha nova Meca á que peregrinar. Pero cando xa case estabamos pousados achamos que non todo é o que parece, amigo… E que esa nova flor tentábase pechar sobre nós como se fosemos moscas.

A idea, como dixen daquela, era (e aínda o é) boa: dar aos usuarios cada vez máis descontentos con Steam unha alternativa real. Unha alternativa que albergaba o xogo máis famoso do mundo e, polo tanto, unha alternativa que a xente xa coñecía. Xa tiñan medio traballo feito.

Lamentablemente obviaron unha cousa, unha cousa importante: a liberdade de elección. Aos usuarios de PC gústanos crer que a temos. Pode ser que Nvidia leve anos nunha situación de predominancia, pero podemos escoller AMD; pode ser que para xogar á meirande parte dos xogos teñas que ter Windows, pero podes escoller Linux ou Mac; mesmo podemos escoller se o noso corazón vai ser de Intel ou de AMD. Cada vez que se intentou atacar esa suposta liberdade, a comunidade saltou. Bethesda intentouno fai uns anos cobrando por unha cousa que a comunidade consideraba súa, algo creada por e para ela, os mods, e tanto ela como Valve tiveron que recuar.

Dende a nosa atalaia mirabamos case con desprezo á Guerra de Consolas e as súas exclusivas, ter que pagar por xogar en liña ou ter que xogar a 30 imaxes por segundo porque non daban para máis… endexamais chegarían a saber o que é a PC Master Race. Xustiza poética.

O primeiro erro, polo tanto, e intentar obrigar a pasar pola súa tenda a base de billeteira. Sei sobradamente en que mundo vivimos, pero unha boa competencia consiste en ofrecer o mesmo produto e que o consumidor elixa dependendo do valor engadido (prezo, ofertas, atención…), pero se me quitas a opción que tiña para darme xusto o mesmo pero noutro sitio, que beneficio real teño eu? Isto comezouse a ver con The Division 2, aínda que foi minimizado porque tamén saía en uPlay e fixeron a xogada con tempo; pero sobre todo viuse co Metro Exodus, un xogo que xa saíra a venda en Steam e que, dun día para outro, cambiou de plataforma, deixando pampos a todos os xogadores polas formas o os tempos empregados.

É tamén destacable que, nas consolas, as exclusivas están atadas a unha marca dende o inicio mediante o desenvolvemento do título, publicidade, logotipos… non cambian a dúas semanas de saír de PS4 a XboxOne. No caso do PC nunca temos a seguridade de saber en que plataforma vai saír. Quítalle seriedade ao asunto, parece froito da improvisación e non dunha industria millonaria.

As compañías tampouco están nunha posición sinxela: por un lado teñen o suculento 88 % das ganancias e os cartos que lles dá Epic na man pola exclusividade. Doutra banda, saben que a comunidade non percibe con bos ollos estas exclusivas temporais e que se arriscan a padecer unha avalancha de análises bomba e queixas nas súas redes sociais.

Debemos falar tamén da cabeza visible de cada unha das compañías. Todos os xogadores lle temos certo cariño a Gabe Newell, o home-meme que lle ten medo ao número tres, hoxe convertido no deus moderno das ofertas, non semella que Tim Sweeney esperte a mesma simpatía, non ten o mesmo carisma nin lle perdoamos tanto como ao pai de Half Life. Moita da culpa é súa porque, se me permitides a expresión, cada vez que abre a boca «sobe o pan»: botarlle a culpa ós usuarios porque «non entendemos de que vai a cousa» non é un xeito de facer amigos. É morderlle a orella a un can que xa ensina os dentes.

Gabe Newell, o deus das ofertas con pánico ao número tres.

Após de todo isto, atopámonos agora co peche de servidores de Driveclub, que aínda que poida parecer totalmente alleo ao tema que nos atinxe, e podería selo, fai pensar en que acontecerá se á Epic Store non acada os resultados buscados a curto prazo, ou directamente se comezan a aborrecer ter que meter inxentes moreas de cartos na Store e a pechan. Que acontecería entón cos xogos alí metidos? É un extremo impensable, pero que sobrevoa o aire ao non saber as intencións finais dos donos da Store. Despois de 16 anos, sabemos que en Steam é máis difícil que aconteza, non imposible, pero si temos máis confianza na súa estabilidade.

Que podería facer Epic para agradar a tódolos xogadores? Que cousas lle dan valor engadido a súa tenda? Os xogos de David Cage ou o port de Journey, por exemplo. Uns xogos que, a pesares de ser exclusivos da súa tenda, non foron quitaron da outra e están a ofreceer algo que non existía, están aportando e non restando. Poder xogar a Journey en PC é un soño de moita xente, e por aí teñen que ir os tiros.

Epic ten aínda moitas cartas, e moitos cartos,  para xogar e darlle a volta á torrada. Agardemos que escoiten ós usuarios, vexan que cousas gustan e que cousas non e non tiren polo camiño do medio. A Guerra Civil entre a Comunidade semella servida entre os que están fartos de Steam e miran en Epic ao seu mesías (aí estaba eu) e os que miran en Epic un eco do pasado, un «eu isto xa o vivín fai anos e sei como vai rematar».

Era tan bonito cando nos coñecemos...

Mos

Peceiro, nintendeiro e moitas cousas que rematan en eiro

Comentarios non permitidos
    • Fecat
    • En: 09 de Novembro de 2019

    Buenos días. Excelente artículo.

    Para mí, seguidor de todo lo que tenga que ver con XCOM, lo peor que han hecho Epic y Julian Gollop a un buen número de jugadores ha sido joderles el poder disfrutar de Phoenix Point a menos que lo juegues a traves de la plataforma de Epic Games.

    Había unos cuantos que habían aportado dinero al proyecto, y ahora, cuando salió que era (temporalmente) exclusivo de Epic Games, estas personas solicitaron la devolución de la reserva/kicstarter y como el Euro perdió valor respecto al dólar …… les han devuelto menos dinero del que habían aportado inicialmente. Simplemente demencial.

    Lo mismo con Metro Exodus, etc….

    Lo peor es que compren exclusividades tras haberse anunciado juegos en diferentes plataformas o “lanzadores”.

    Yo particularmente no paso por el aro.

    Saludos desde Pontevedra.