Actualidad E3 :: E Nintendo puxo o punto final

E3 :: E Nintendo puxo o punto final

A sensación xeral, se é que un pode falar en termos absolutos, é que o E3 foi un desastriño con todas as letras. Mais, igual que defendín noutras liñas anteriores, coido que estabamos sobre aviso, perante a idea de ver un E3 moi de transición, con máis cousas coñecidas que sorpresas, co coronavirus aínda circulando e cun calendario no que custa demasiado fixar datas. E aínda así tivemos cousas.

Sexa como for, Nintendo puxo onte o punto final á feira. Moitos dicían que ‘ía salvala’, mais a cousa é que a salvación chegou fóra do E3, un día antes, con ese adianto de Elden Ring e con Miyazaki asegurando a súa nova volta en xaneiro. Así, o adianto máis cobizado, o máis luxoso, nin pasou na feira máis importante da industria, e quizáis por iso a de Nintendo era unha conferencia con moito que gañar e pouco que perder, pero tamén cunha especie de obriga nas costas, de ter que sorprender cando a realidade era que ninguén así o fixera. Ollo, Xbox logrou ilusionar, pero unha conferencia non exonera toda unha semana de presentacións ruinosas, mesmo estrañas, sobre todo se pensamos que as empresas pagan por ese escaparate. Para ensinar que?

Así, e recuperando fío, a Gran N sabía que tiña que ensinar o Breath of the Wild 2. Por iso, o asunto era máis unha obriga que unha sorpresa, e así o percibín: Nintendo puxo un adianto curto, cunhas cantas escenas, unha data imprecisa e a seguir coa leria (ou a rematar con ela). Antes houbo anuncio interesantes, pero sería imposible non negar que son anuncios pequenos ou enfocados a un público non sei se de nicho, mais si concreto, amante desa Nintendo máis curiosa e única, quizáis a súa mellor cara. Wario Ware: Get It Together ou Shin Megami Tensei V dán boa conta disto.

Tamén apareceu Metroid. Non na forma que un podía agardar, pero si co nome de Metroid Dread, e cun aspecto 2,5D máis que interesante, que promete vicio do bo. Porén, houbo queixas polo seu apartado artístico e visual… haberá que ver como chega. Que, por sorte, non tardará moito.

Sorprende que o 35 aniversario de Zelda pase só por unha Game & Watch, e non sorprende a presencia de Super Smash Bros. Ultimate, que ficha en Tekken ao mítico Kazuya. Tamén chegará Son Goku con Kakarot e viviremos por partida tripla as narracións de Life is Strange. 

En fin. Sorpresiñas e agarimos, mais ningunha bomba atómica que acabase con nós. Supoño que así tiña que ser. Tempo ao tempo. A continuación tes unha recompilación de todos os vídeos amosados durante a conferencia:

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.