Actualidad Final Fantasy VII Rebirth, a segunda parte do remake, chegará a PS5 a finais do 2023

Final Fantasy VII Rebirth, a segunda parte do remake, chegará a PS5 a finais do 2023

O evento especial de Square-Enix co gallo do 25º aniversario do Final Fantasy VII era o espazo ideal para, por fin, ofrecer novas sobre a continuación da revisión que segue adiante do título orixinal de PlayStation. E así, a segunda parte deste remake, que xa está confirmado que será unha triloxía, chegará o ano que vén, durante o seu inverno —se ben é certo que inverno pode tamén ser parte do 2024…—, e levará por título Final Fantasy VII Rebirth.

Doutra banda, non hai moitos máis datos nin máis pistas sobre esta nova entrega, e menos da terceira, claro. No adianto só vemos a Cloud e a Sefiroth dando un paseiño por aí adiante, e caemos de novo da idea, voz mediante, de mudar o futuro. Tetsuya Nomura, director creativo do xogo e figura divina dos memes, di en Twitter que «Cloud e os seus amigos embárcanse nunha nova viaxe con este xogo, e coido que os lugares que visitan ao deixar Midgar atrás ofrecerán aos xogadores unha experiencia nuevo e fresca».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.