Actualidad Frontier deixará de crear novo contido para consolas de Elite Dangerous

Frontier deixará de crear novo contido para consolas de Elite Dangerous

Frontier Developments anunciou hai unhas horas que deixará de publicar contido para as versións de PS4 e Xbox One de Elite Dangerous, cancelando con este movemento, ademais, a expansión Odyssey para estes sistemas e que xa estaba anunciada.

A decisión semella ser unha decisión ben difícil, pois chega logo do lanzamento do nomeado DLC en PC que non acadou o éxito agardado. Chegou en maio do ano pasado e permitía explorar os planetas a pé, fóra das naves, mais tamén chegou con un bo número de erros e bugs.

A compañía atrasou o lanzamento da versión en consolas para poder traballar a tempo completo na versión de PC de Elite Dangerous, mais todo parece indica que así será para o resto dos tempos. Desde ese mes, até dez parches viron a luz, o último en xaneiro.

David Braben, máximo responsábel do estudio, confirmou que as versións para consolas xa non están en desenvolvemento e que non apoiará novo contido para PS4 nin Xbox One.

«Non é ningún segredo que o lanzamento de Odyssey foi calquera cousa menos ideal», recoñece nun texto publicado na web oficial, «incluíndo a necesidade de separar a base de usuarios de consola e PC para centrarnos nun lanzamento só en PC. Desde o lanzamento de Odyssey en maio de 2021 traballamos sen descanso para mellorar a experiencia de Odyssey en PC, e malia que fixemos grandes progresos aínda queda traballo por facer».

«Ao longo destes últimos meses», engade, «loitamos para saír adiante da mellor forma posible, e lamentamos fondamente decidir cancelar todo o desenvolvemento en consolas. Precisamos seguir adiante coa historia do xogo, e para poder facer isto necesitamos centrarnos nun único código».

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.