Google activa a posibilidade de conectar o mando de Stadia a outros dispositivos
Hoxe pecha, sen demasiado ruído nin sorte, Google Stadia. Por mor disto, e a modo de derradeiro agasallo, o xigante tecnolóxico acaba de lanzar unha ferramenta que permite actualizar o mando deste servizo para que poida ser conectado a outros dispositivos de maneira nativa.
Orixinalmente, os mandos de Stadia só podían utilizarse co servizo de Google, mais non poucos usuarios pediron, en reiteradas ocasións, e máis aínda após o anuncio do peche do servizo, que puidesen reutilizarse para outros propósitos. A semana pasada, a empresa anunciou que lanzaría esta ferramenta antes do peche. Xa está dispoñíbel.
Podedes acceder a ela a través desta ligazón, mais cómpre sinalar algunhas limitacións. A primeira é que o cambio da conectividade Wi-fi orixinal do mando á conectividade Bluetooth é permanente e non se poderá desfacer. A segundo é que a ferramenta só estará dispoñible até o próximo 31 de decembro. Dito doutro xeito, está pensada para que os usuarios actualicen os seus mandos e actualicen o hardware durante este ano. A partir do ano 2024, o mando deixará de ter soporte e quedará como unha lembranza do que puido ser Stadia.
Se tes algunha dúbida, podes achar algo máis de información na páxina oficial de Google para realizar esta mudanza.