Reportajes Mulleres detrás dos Videoxogos :: O MUVI volve sintetizar unha historia imperdíbel

Mulleres detrás dos Videoxogos :: O MUVI volve sintetizar unha historia imperdíbel

A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia desenvolve dúas novas seccións da exposición exclusivamente virtual en 360º Mulleres detrás dos Videoxogos, situada nas instalacións da súa base de operacións, no Museo do Videoxogo de Cangas do Morrazo. De novo, a mostra parte como unha colaboración coa Universidade da Coruña, unha actividade que queda enmarcada dentro do seminario que está a desenvolver estes días e que continúa o camiño comezado hai xa un tempo pola cultura, ese co que tenta evitar as barreiras impostas pola situación sanitaria mundial, cada vez máis normalizada e con menor risco.

«Ao igual que na edición do pasado ano, o obxectivo desta exposición non soamente se limita a ser unha solución tecnolóxica innovadora dentro do eido museístico, cultural e expositivo, senón que busca, a través da súa formulación físico-virtual, explorar novas vías de eficacia á hora de presentar e relacionar contidos, obxectos, obras ou ideas. Navegando por ela, as persoas visitantes terán a posibilidade de gozar cunha experiencia profunda, con información audiovisual e enlaces externos que invitan aos curiosos a profundizar e perderse noutros lugares interesantes da mesma temática», explican desde a Fundación.

Pola súa banda, a mostra como tal procura á descubrir e analizar ao longo de case 50 anos de historia a obra desas exepcionais mulleres coas que conta, contou e contará a industria do videoxogo, dende os seus comezos até a actualidade, fomentando deste xeito a comprensión e alcance do seu legado. Na visita virtual é posíbel achar un acceso íntegro aos espazos do Museo e neles poderemos atopar instalacións expositivas distribuídas en puntos de referencia, con videoconsolas e videoxogos representativos das biografías de cada unha das mulleres abordadas na mostra. 

Podes percorrela a continuación:

Como novidade principal este ano, a exposición conta con dúas seccións adicadas especificamente, entre outras, a mulleres galegas e españolas, xunto con outras figuras femininas relevantes a nivel internacional. Algúns nombres que podes atopar na mostra son os de Luz Castro, Tatiana Delgado, Sara Álvarez Cubelos, Mirella Díez, Liliana Laporte, Jade Raymond, Jane Jensen ou Carol Shaw. 

Parte da mostra, con Tatiana Delgado.

Parte da mostra, con Bride Code.

Parte da mostra, con Rihanna Pratchett.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.