Actualidad El MUVI conjuga videojuegos y ecología en el Salón do Libro

El MUVI conjuga videojuegos y ecología en el Salón do Libro

Por segundo ano consecutivo, a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia colaborará de xeito activo co Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, sendo esta a súa XXII edición. De novo, os videoxogos reciben un pulo de recoñecemento público como elemento cultural ao formaren parte da programación deste evento dun xeito natural e directo.

«Para o MUVI, a idea de poder seguir promovendo o videoxogo nun espazo fresco e cultural como é o Salón sempre será motivo de celebración, pois esta está correspondida coas bases fundacionais da entidade, que procura entrelazar divulgación, entretemento e interacción», explican desde a Fundación, a piques de abrir as portas deste novo evento.

Nesta ocasión, baixo a premisa da temática anual da cita, a Fundación ten preparado un percorrido imperdible sobre a relación entre o videoxogo e a ecoloxía, da man dunha exposición con máis de dúas decenas de fitos que recollen algúns dos momentos máis interesantes da industria en relación co medio natural, as enerxías renovables ou as problemáticas e solucións que a Terra ten por diante.

Así, o percorrido físico co que poderán interactuar os asistentes tamén existirá a opción de coñecelo, a partir do 1 de maio, de xeito virtual— e coñecer as obras exhibidas, os sistemas e a información sobre estes elementos en relación coa ecoloxía, deixando patente como o videoxogo se relaciona coa realidade histórica e social de cada intre cronolóxico, abrindo cada vez máis portas no referido ás temáticas, aos relatos e ao seu tratamento, nunha viaxe que vai, neste caso, desde o ano 1982 até o 2021.

Alén desta exposición permanente, o MUVI tamén ten preparada unha serie de visitas guiadas polos responsables da Fundación  que ampliarán a información do espazo principal, amais de ofrecer unha viaxe accesible e interactiva para todo neno e adulto que se inscriba.

  • Xoves 22 de abril – Videoxogos: manual de instruccións 18.30h (Só para profesores)  Intervención da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia no III Congreso Internacional de Mediación Lectora  
  • Sábado 24 de abril – Videoxogos e ecoloxía 11.30h (A partir de 6 anos) no Recanto Tecnolóxico.
  • Sábado 24 de abril – Videoxogos e ecoloxía 18.30h (A partir de 6 anos) na Sala de Exposicións.
  • Domingo 25 de abril – Videoxogos e ecoloxía 11.30h (Menores de 6 anos acompañados) no Recanto Tecnolóxico.
  • Domingo 25 de abril – Videoxogos e ecoloxía 18.30h (Menores de 6 anos acompañados) no Recanto Tecnolóxico.
  • Sábado 1 de maio – Videoxogos e ecoloxía 11.30h (Menores de 6 anos acompañados)  na Sala de exposicións.
  • Sábado 1 de maio – Videoxogos e ecoloxía 18.30h (Menores de 6 anos acompañados)  na Sala de Exposicións.
  • Domingo 2 de maio – Videoxogos e ecoloxía 11.30h(Menores de 6 anos acompañados) na Sala de Exposicións.
  • Sábado 8 de maio – Videoxogos e ecoloxía 11.30h (Menores de 6 anos acompañados)  na Sala de Exposicións.
  • Sábado 8 de maio – Videoxogos e ecoloxía 17.30h (Menores de 6 anos acompañados)  na Sala de Exposicións.
  • Domingo 9 de maio – Videoxogos e ecoloxía 11.30h (Menores de 6 anos acompañados)  na Sala de Exposicións.
Unha unidade didáctica coa que contrastar coñecementos

Doutra banda, a exposición física e virtual terá un engadido final en forma de Unidade Didáctica a resolver pola conta de calquera asistente que así o desexe, perante a idea de repasar os coñecementos adquiridos durante o percorrido e recompilar a meirande parte da información ofrecida, afondando de novo na idea da interactividade e a accesibilidade, elementos presentes en todas as propostas que o MUVI deseñou para o Salón.

A Fundación tamén conta apoio e colaboración de Lares, Iseltec, Asociacion PuntoGal, Basalnor S.L e Dinahosting, Vaiabit S.L, amais do do Salón do Libro.

«A idea da defensa ecolóxica nos videoxogos aparece representada de centos de xeitos. Podemos atopala nun futuro distópico onde as flores xa non medran, nunha ucronía onde fuximos da nosa Terra ou nun castigo divino se abusamos das especies animais dun espazo concreto», sinalan desde a Fundación sobre o contexto e a temática deste ano. «Non é doado. Igual que nas obras que xogamos, non sempre a solución aparece perante nós, nin temos axuda para lograr chegar ao final da pantalla. O paradoxo é obvio: aquí só temos unha vida e un planeta. Cómpre salvalo de nós mesmos».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.