Actualidad Os creadores de Loop Hero ofrecen o seu xogo gratis por torrent

Os creadores de Loop Hero ofrecen o seu xogo gratis por torrent

Como xa comentamos en novas pasadas, a guerra en Ucraína esta tendo importantes consecuencias tamén na industria do videoxogo. Outro exemplo chega agora da man de Four Quarters, o estudio responsábel do notable Loot Hero e que conta coa súa sede en Rusia.

A compañía posicionouse en contra da guerra, mais as sancións económicas afectan a todo o país ruso por igual. Así, a día de hoxe, os creadores de Loop Hero non están a recibir ningún tipo de ingreso polas vendas a través de Steam ou outras plataformas dixitais.

Four Quarters teñen claro que o seu xogo foi feito para ser xogado, polo que a través das súas redes sociais lanzaron un comunicado no que invitan a descargar de balde Loop Hero por torrent. A realidade é que a mesma Rusia legalizou a distribución de copias non autorizadas logo de que diversas empresas optasen por prohibir a venda dos seus produtos no país, como Microsoft, Sony, Nintendo ou Epic Games.

A través de RuTracker, o tracker de torrents de orixe rusa máis popular, é ponde podes atopar o xogo —precisas usar unha VPN— e descargalo sen pagar un peso e co visto bo da compañía.
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.