Actualidad Os desenvolvedores principais de Disco Elysium, expulsados do seu estudio

Os desenvolvedores principais de Disco Elysium, expulsados do seu estudio

Tres dos desenvolvedores principais de Disco Elysium foron expulsados, a finais do ano pasado, do estudio ZA/UM. Non foi até esta fin de semana que se soubo esta nova.

Martin Luiga, uns dos membros fundadores de ZA/UM e o «secretario da asociación cultural ZA/UM», desvelou a través dun post en Medium que o deseñador Robert Kurvitz, a guionista Helen Hindpere e o director de arte Aleksander Rostov deixaran a compañía «a finais do ano pasado» e que o fixeron «de forma involuntaria». Semella que foron despedidos, ou iso se dá a entender.

A cousa non remata aí. Tamén foi anunciada a disolución da organización ZA/UM pois xa non representa os ideais polos que foi fundada. «Creo que a organización tivo éxito en xeral e que a maioría de erros que se cometeron foron continxentes, determinados polas condicións socioculturais nas que nos atopamos envoltos. Sigo animando á xente a que se organice, e diría que unha das calidades que desgraciadamente faltaban na organización cultural ZA/UM era basicamente calquera tipo de estrutura formal», sinala Luiga.

Tanto Kurvitz, coma Hidpere coma Rostov confirmaron a súa saída do estudio, sen aportais máis datos ou comentarios. Cómpre sinalar que hai unha sequela en desenvolvemento, mais está claro que non contará —polo menos non conta desde hai un tempo— coas aportacións destas tres persoas.

A noticia foi recibida na comunidade de xogadores e seguidores de Disco Elysium como unha auténtica labazada, e moitos dos comentarios falaban de como todo aquilo que criticaba o xogo finalmente aparecía no mundo real, levándose por diante os ideais  iniciais do estudio.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.