Actualidad Out of the Blue, as creadoras de Call of the Sea, anuncian American Arcadia

Out of the Blue, as creadoras de Call of the Sea, anuncian American Arcadia

O estudio madrileño Out of the Blue anunciou, xunto con Raw Fury, o seu novo proxecto após debutar co premiado Call of the Sea. Levará por título American Arcadia e o seu primeiro trailer será amitido no Summer Game Fest —abaixo podes ver o teaser, xa sabes que agora todo vai aos poucos—.

O xogo está ambientado en Arcadia, unha «metrópole retro-futurista dos anos setenta na que a poboación goza dunha vida de luxos e comodidade», segundo reza nota de prensa. Ora ben, esta cidade é en realidade un reality televisivo, que leva décadas emitindo a súa vida vinte e catro horas ao día, cada semana, cada mes.

Aí está a historia, a de Trevor Hillss, «un tipo normal e corrente sen unha vida apaixonante», que pronto coñecera a unha personaxe misteriosa «que o guiará a través do backstage de American Arcadia até alcanzar a súa liberdade». A aventura terá partes de acción lateral en 2,5D, mais tamén persecucións, plataformas, e seccións en 3D en primeira persoa con elementos de exploración, sixilo e quebracabezas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.