PlayStation Showcase 2021 :: Sony encoméndase a Kratos e Insomniac
Arriscou PlayStation a pasada noite. Arriscou con durmir a un público ansioso de novidades, ao que se lle prometera o futuro. Sony comezou o seu show dun xeito feble, co ritmo de sempre e, peor, cos títulos de sempre, agás unha prometedora revisión de Star Wars: Knights Of The Old Republic Remake (KOTOR).
Pasaron os minutos e as cellas estaban levantadas, agardando unha bomba que resultou ser un bombardeo. Primeiro, Wolverine. Novo título de Insomniac que seguirá apostando polos superheróes e que logo confirmaría, amosando a chegada de Venom, Marvel’s Spider-Man 2 e a tolemia xa é evidente. Pagou Sony máis de dous millóns por Insomniac, pero ben puideron pagar o dobre porque está claro que é o estudio máis en forma que hoxe posúen, tanto pola capacidade creadora como por resultados.
Era preciso algo máis. Kratos apareceu de novo, por fin, con God of War Ragnarok —que non era o título definitivo pero si foi— e xa todo quedou feito. Unha prometedora continuación interxeracional que ofrecerá máis do mesmo, pero aquí só pode ser un piropo tal afirmación.
PlayStation afina o seu futuro, sen E3, en solitario, e cun xeito de facer as cousas discutible, mais ao mesmo tempo infalible: PS5 está a vivir un lanzamento antolóxico, os exclusivos son vendidos a puñadas, a xente pasa por caixa sen maiores protestas, a máquina segue a xigar…
Polo camiño, até este punto final da conferencia/show /transmisión/espectáculo, houbo lembretes varios (Project Eve, Deathloop, Ghostwire Tokyo, Gran Turismo 7, Alan Wake Remastered, Bloodhunt ou Guardians of Galaxy) e luciu con luz de seu Forspoken, o título de mundo aberto de Square-Enix que presume de apartado gráfico e trae a sensación de que estamos xa nunha nova xeración de consolas.
A continuación tes os vídeos dos anuncios máis importantes, pois hai cousas que é mellor velas que describilas, non?