Salón do Libro :: O videoxogo continúa a ter un espazo de seu
Das cousas máis importantes que un pode sinalar da presencia do videoxogo no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é a súa naturalidade, a súa presenza sen dúbidas nin condicionais. Non hai crianza ou adulto que pense que non debe estar aí, ou que cuestione se é o lugar adecuado. Claro que o é. E así, por terceiro ano consecutivo, a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia demostra a importancia cultural do videoxogo en consonancia con outras ramas culturais, mesturando aprendizaxe, obradoiros e exposicións.
O Salón é, a día de hoxe, un dos eventos máis importantes que existen dentro da programación xa non cultural do Concello de Pontevedra, senón da súa axenda anual. Unha cita que conta máis de dúas décadas de experiencia e que converte o Pazo da Cultura nun curioso oasis de lectura, música, socialización, aprendizaxe e, dun tempo a esta parte, videoxogos. Durante a segunda metade do mes de marzo, o Salón é unha especie de entidade propia, un singular baluarte cultural, un sólido fortín capaz de acoller ducias de actividades de todo tipo.
O MUVI pasou a formar parte da programación do Salón hai tres anos, intre no que gozou dun recoñecemento moitas veces impropio —por desgraza— dentro dunha cita desta clase. Medrando ano a ano, a mostra interactiva que nos últimos anos vive durante dúas semanas no Pazo é un exemplo paradigmático dentro do país para poder coñecer o videoxogo doutro xeito, de afondar na súa riqueza cultural, no seu sentir. Partindo do xeral, unha mostra cronolóxica con algúns dos fitos máis importantes do medio, ao concreto, videoxogos e ecoloxía o ano pasado, e videoxogos e arte este 2022, baixo o lema Artellando cos Videoxogos.
Así, a exposición interactiva que está sempre presente desde os inicios e pola que xa pasaron varios centos de persoas é unha das primeiras paradas do espazo habilitado para o Salón no Pazo. Unha viaxe curiosa e valiosa á hora de entender esas ligazóns entre o videoxogo e as diferentes ramificacións artísticas que van desde a arte efémera, á literatura, pasando pola música ou a arquitectura. A través de obras concretas, de exemplos lóxicos e validos, o MUVI logrou sintetizar esa conexión que o medio logrou fundir, reinventar e mudar ao longo das últimas catro décadas, na procura dun sentido propio.
«O nivel de organización e de afluencia que amosa o Salón é incríbel, o que o converte na cita externa ou en colaboración con outras entidades máis grande e potente que a día de hoxe realiza o MUVI», explica Jacobo Martínez, cofundador do Museo do Videoxogo. «É unha sorte poder participar e tentar facer novas cousas cada ano porque chegamos a un público con moita curiosidade, con moita gana de pasalo ben, de aprender e de vivir isto. O MUVI coido que aporta un espazo moi coidado, moi chamativo e absolutamente para todas as idades. Crianzas ou adultos entran e percorren as penas cos ollos abertos, comentando que esa consola é a que teñen na casa, ou a que tiveron hai moitos anos. Son momentos moi bos, moi agarimosos».
Ademais da mostra, ao longo dos diferentes días que a cita está aberta, son realizados tamén diversos obradoiros. Algúns deles xa foron realizados, mais outros están por chegar. Nese sentido, Martínez sinala a importancia que foi medrar tamén neste sentido, ao ser o ano que máis programación activa teñen dentro do Salón, con máis colaboradores e cun maior número de xente implicada. Así, o obradoiro deste sábado, para o que xa non hai prazas na web, leva por título