Actualidad Silent Hill: The Short Message aparece recollido no organismo de calificación coreano

Silent Hill: The Short Message aparece recollido no organismo de calificación coreano

O chamado Game Raing and Administration Comitee, o organismo de calificación por idades de Corea do Sur —semellante ao noso PEGI—, acaba de recoller dentro da súa listaxe un novo xogo chamado Silent Hill: The Short Message.

Aínda é imposíbel saber se isto é unha nova obra ou un novo capítulo dentro da franquía Silent Hill de Konami que tantos rumores leva ás costas, pero semella un paso adiante nese sentido.

A información que aporta o organismo coreano non di nada sobre plataformas nin datas de lanzamento, mais si que sería lanzado por UNIANA, empresa que de xeito habitual edita os títulos de Konami neste país asiático.

Captura de imaxe da listaxe.

É posíbel que pronto teñamos novas sobre o xogo ou, polo menos, información sobre este título. Cómpre sinalar que nas últimas semanas saíron varias informacións ao respecto de Konami e Silent Hill, chegándose a indicar, tal e como recolleu o medio VGC, que a compañía xaponesa estaría a preparar non só un xogo, senón tres.

Un deles sería un xogo totalmente novo, o segundo sería un remake do Silent Hill 2 e o terceiro sería un título con formato episódico —coma os de Supermassive—.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.