Ubisoft volve adiar o lanzamento de Skull & Bones
A maldición sobre Skull & Bones non desaparece e, de novo, e xa van unhas cantas veces, Ubisoft anuncia un atraso no lanzamento deste título.
A compañía francesa deu conta deste asunto na última presentación de resultados financeiros que o xogo de piratas chegará nos primeiros meses do ano 2024.
A cousa é que o nomeado título leva en desenvolvemento desde o ano 2013, tendo como idea ver a luz no 2017 —está claro que non foi así—. Atrasouse unha vez, e outra vez, co fin de continuar coa súa creación e lograr unha experiencia «puída e equilibrada», tal e como foi sinalado no seu momento.
O último que soubemos é que logo da beta pechada celebrada hai uns meses Ubisoft indicou que o título sairía no terceiro trimestre, mais non o teremos até o primeiro do 2024.
Segundo explicaron na presentación, outro «gran xogo», do cal non hai nome como tal, tampouco chegará en tempo —ía chegar o 31 de marzo do 2024—, e sairá un chisco máis tarde. Por datas e por tempo de desenvolvemento, podería ser Star Wars: Outlaws, mais non hai confirmación.
Sexa como for, e por realizar un resumo do que está por vir, a compañía francesa si conta con lanzar antes do remate do ano fiscal (31 de marzo do 2023) Assassin’s Creed Nexus VR, Avatar: Frontiers of Pandora, Just Dance 2024 e Prince of Persia The Lost Crown, ademais do xa nomeado Skull & Bones.