Esnaquiza o teu videoxogo :: O delirante mundo dos mods
Quizais sexa porque, pobre -no sentido económico da palabra- de min, sempre xoguei en consola e nunca tiven un ordenador adecuado para videoxogos. Quizais sexa pola miña curiosidade innata, por querer probar cousas novas. Ou quizais, simplemente, sexa porque son fillo do Internet deste século (é dicir: de Youtube e da filosofía do meme), e cada vez que descubro que existen posibilidades como as que imos a comentar un sorriso estúpido debúxase no meu rostro. Pero se hai unha cousa que lle envexo a quen xoga en PC, máis aló das rebaixas de Steam, é o acceso ao mundo dos mods.
Para as máis profanas, velaí vai unha definición rapidiña sobre o que significa este termo: os mods son modificacións -non ten moita historia o nome- nos parámetros de construción dun videoxogo, xeralmente creados por persoas da comunidade, que introducen cambios no material orixinal. Así, por exemplo, hai un mod dispoñible para GTA V que lle permite ao usuario converterse en Iron Man. Como é evidente, o título, de fábrica, non estaba pensado para tal cousa. Mais alguén, na súa casa, fíxoo posible e compartiuno despois pola rede, ofrecéndolle a mesma experiencia aos demais.
Aínda que nestas últimas xeracións xa se puido, en determinados títulos, ter acceso a mods da comunidade nas consolas, e a pesares de que incluso certos xogos, como os propios GTA, teñen unha sorte de mods primixenios, os míticos “trucos”, o certo é que é un mundo case exclusivo dos ordenadores. É así porque as usuarias con maiores coñecementos en informática poden, desde a súa computadora, entrar ao código fonte do xogo, o que lles permite experimentar con el ata crear a súa maxia.
As posibilidades, polo tanto, son ilimitadas: só se verán influenciadas polas capacidades técnicas da persoa ou persoas en cuestión, e pola súa creatividade/orixinalidade. Pero, podedes estar seguros/as, desta última non falta en Internet.
Os mods e a cultura pop
Os mods, polo tanto, permiten moitas cousas. Desde variar os aspectos visuais e ambientais do xogo á propia xogabilidade e a engadir opcións e contidos extras, como por exemplo a tradución do Pokémon Lume Vermello ao galego a cargo de Pablo Rodríguez, que nunca agradeceremos o suficiente. De feito, moitas veces os mods mesmo alteran por completo a base orixinal, transformándoa noutra cousa totalmente distinta.
É dicir: en realidade, o que fan é expandir moitísimo os universos dos videoxogos, creando unha gran rexogabilidade e experiencias lúdicas ou culturais novas nas que mergullarse; nas que poderás facer de todo ou facer de nada, sempre ó teu gusto. Nese sentido, o mundo dos mods asume á perfección as características dos relatos ergódicos -narrativas transmedia, fragmentadas, cunha capital importancia do xogador/creador- que expuxeron teóricos dos medios culturais dixitais como Manovich (1998) ou Jenkins (2006), recollidos por Latorre na súa máis que recomendable A Linguaxe Videolúdica (Laertes, 2012).
A esta ecuación, expoñen estes expertos, podemos sumarlle o feito de que os mods están estreitamente relacionados coa viralidade e a cultura contemporánea. Por un lado, albergan moitas conexións co mundo de Internet, sendo as redes sociais, Youtube e os streamers que os aproveitan para os seus contidos a súa maior plataforma de expansión. E polo outro lado, como fenómeno pertencente á cultura de Internet, están caracterizados polas continuas referencias a memes ou outras obras culturais, fomentando a reciprocidade e a tendencia actual do crossover.
Mais, tranquilidade, o obxectivo deste texto non é tolear explicando todos os múltiples tipos de mods ou os seus usos, senón sinalar, agora que xa están máis que introducidos, algúns exemplos concretos especialmente enxeñosos, creativos ou divertidos. Porque si, outra das características principais dos mods é que comulgan co espírito primario da humanidade en Internet. É dicir; facilitan a práctica dunha cousa que a moitos de nós nos encanta facer -ou ver a outros facer, vaia: o cafre.
‘Modscelánea’
Comezamos polos menos aberrantes. Mundo Pixelmon é un mod que introduce o imaxinario dos Pokémon en Minecraft. E non só mellora o apartado visual para que os nosos queridos monstros se vexan con gráficos máis afíns aos seus deseños orixinais, senón que modifica a xogabilidade enteira do título, introducindo un sistema de captura, de subida de nivel, de pelexas con outros adestradores, etc., que alude aos títulos de Nintendo, mais coas particularidades propias do Minecraft, claro.
Outro exemplo semellante é o mod The Great City Series, para Skyrim, que ten tantos ou máis mods que versións. O citado, en concreto, mellora o apartado gráfico do título de Bethesda, pero por enriba de todo aumenta exponencialmente o tamaño das vilas e cidades do seu mundo, ofrecendo resultados interesantes tanto na estrutura ou arquitectura como na narrativa, ao engadir, tamén, máis personaxes NPC, misións e tendas nas localidades.
Xa que mencionamos os cambios gráficos ou visuais, e facendo mergullo aos poucos no estupor, atopamos esa clase de mods que mudan os deseños dos personaxes dun xogo por… cousas ben distintas. Por exemplo, está o que transforma a todos os zombies de Left 4 Dead 2 nos Teletubbies. Que, por outra parte, fai que dea máis medo aínda. Tamén está o que torna cada rostro dos personaxes de The Legend of Zelda: Majora’s Mask polo de Nicolas Cage. O cal, de novo, faino máis terrorífico aínda.
Falando de medo; de novo, alguén, na súa iluminada sabedoría, trocou o deseño do Némesis no Resident Evil 2 Remake polo de Thomas o tren. Humor, e ganas de esnaquizar ata os cimentos toda convención respectable, polo que vemos, non falta. Dicídeme, se non, que sentido ten a pistola lanzagatos de GTA V, ou transformar aos xefazos de Sekiro: Shadows Die Twice en Shrek -e ao protagonista en CJ, xa de paso-, ou a infinita lista de exemplos, a cal máis estúpido e divertido, que vos podedes atopar de forma doada pola rede.
É, en definitiva, este delirante mundo dos mods, outra das posibles vías de evasión-entretemento que ofrece o videoxogo. Aí están, sempre, para cando non nos apetece tomarnos as cousas en serio. Cando o único que queremos é facer o parvo, ou simplemente matar o aburrimento. Que xa é abondo. E déixannos, de paso, toneladas de material de shitposting. Como este último vídeo que referencio abaixo, a modo de despedida: se non recuperades a fe na humanidade despois de velo, eu xa non lle podo facer moito máis.