Actualidade Estrea millonaria de Apex Legends, un novo battle royale

Estrea millonaria de Apex Legends, un novo battle royale

Onte, luns, Respawn Entertainment e Electronic Arts presentaron oficialmente un novo título baixo o nome de Apex Legends. Un xogo de acción multixogador en primeira persoa con base no xénero battle royale: o último en pé, gana; así de sinxelo. Está baseado no universo da Fronteira, escenario de Titanfall. E si, é totalmente de balde e pódese gozar tanto en PC, coma en PS4 e Xbox One.

Até sesenta xogadores comparten partida en grupos de tres. Cada usuario escolle unha lenda entre todas as dispoñibles. Estes personaxes posúen diferentes habilidades e estéticas (poderían trazarse similitudes con Overwatch neste campo) e a vitoria conséguese disparando, claro, pero tamén xogando en equipo e a través de diferentes táctica.

Os pais de Titanfall comentaron a súa intención de renovar e cambiar o xénero e, polo momeento, a súa acollida foi canto menos espectacular. Até un millón de xogadores probaron onte Apex Legends grazas a unha exitosa campaña na que se convidaron aos principais creadores de contido en YouTube e Twitch ( ElRubius, Lolito Fdez, WillyRex…) a xogar ao novo battle royale.

A diferenza doutros videoxogos do mesmo xénero, no título de Respawn Entertainment existen mecánicas como a resurrección total (ao coller o estandarte dun compañeiro caído e levalo a un lugar do mapa concreto).

Polo momento non se permite o xogo cruzado entre plataformas, aínda que non se descarta este engadido nunha futura actualización. Por outra banda, Apex Legends conta con micropagos a través das Apex, moedas virtuais coas que se poden comprar elementos cosméticos e desbloquear novas personaxes. Agora ben, todos estes elementos son desbloqueables, tamén, sen necesidade de gastar diñeiro.

Escenario no que se desenvolven as partidas de Apex Legends.

Actualización (5 de xaneiro, 16.47 horas)

Nunha entrevista publicada pola división británica de Eurogamer, o estudo propiedade de Electronic Arts asegura que sí haberá multixogador entre as distintas plataformas nun tempo. É dicir, os xogadores poderán participar en partidas cos seus amigos sen importar en que máquina xoguen.

Iso si, o sistema non será perfecto. “Debido a como os sistemas foron construídos ao principio”, di Respawn, o progreso e os obxectos mercados non se gardarán dunha plataforma a outra. É dicir, se un xogador de PC de nivel 10 e con varios aspectos de personaxes desbloqueados inicia sesión en PS4 ou Xbox One, terá que volver empezar dende cero nesa plataforma.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.