Actualidade Europa avisa do perigo das apostas e os videoxogos

Europa avisa do perigo das apostas e os videoxogos

Ata quince axencias de regulación europeas veñen de asinar unha declaración conxunta sobre o perigo de perder o norte á hora de falar de videoxogos e apostas,  e a delgada liña que pode trazarse, chegado o momento, entre os dous elementos.

Os países asinantes participaron neste consenso durante o Foro de Reguladores Europeos do Xogo 2018 e son: Austria, España, Francia, Xibraltar, Holanda, Irlanda, Illa de Man, Jersey, Lituania, Malta, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa e o Estado de Washington, única presenza americana.

A principal preocupación das axencias participantes son as páxinas de terceiros que permiten apostar cos obxectos dun título particular. Por exemplo? Os obxectos ornamentais de Dota 2, ou as skins de Counter Strike: Global Offensive. Aínda non hai moito, a propia Valve realizou cambios no seus xogos debido a unha demanda realizada pola Comisión do Xogo de Washington.

Sobre a mesa tamén se falou das caixas ou cofres con premios aleatorios. Neste caso, as axencias indicaron que os creadores dos xogos deben asegurarse de que as “características dentro dos xogos como as caixas de loot non se consideren apostas baixo as leis de cada país”. Os asinantes da declaración están preocupados pola posibilidade de que menores de idade teñan acceso a posibles apostas, por iso animan ás compañías a falar co órgano regulador de cada país para advertir deste asunto e protexer aos consumidores.

Non hai moitos días, a Ficalía Belga iniciaba unha investigación para comprobar se a negativa de Electronic Arts (FIFA, Battlefield…) de retirar as caixas de loot dos seus xogos podía ser considerada un delito.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de carne
    • En: 20 de September de 2018

    ¿Non era que con que puxeran as opcións reais de sacar determinados items xa era abondo?