Actualidade Facebook censura publicidade de GRIS por ser sexualmente explícita

Facebook censura publicidade de GRIS por ser sexualmente explícita

Hai cousas estrañas e polémicas varias no día a día, máis aínda na Rede. Hoxe, pódese dicir que estamos ante outra. Se a censura dun anuncio de Super Meat Boy Forever por parte de Facebook tras consideralo sexualmente explícito xa se antollaba estraña, quizais non sorprenda que a rede social máis popular do mundo rexeitase un de GRIS.

Segundo contan dende Devolver Digital, a editora estadounidense tiña intención de publicar un tráiler do xogo para utilizalo como publicidade en Facebook, pero a rede social rexeitouno porque é “sexualmente suxestivo”. A imaxe da discordia é esta:

Stephanie Tinsley, parte do equipo da editora, non dubidou en considerar e definir a acción como “realmente estúpida”. Asegura que xa apelaron e que a páxina de Mark Zuckerberg rexeitou a reclamación alegando que en Facebook non hai lugar para os espidos. Sobra dicir que a imaxe amosada é unha estatua e non se aprecia ningún espido na mesma. “Ningunha persoa normal consideraría isto contido sexual”, sinala Tinsley.

Aínda que se trate de só unha anécdota, é curioso ver como a rede social da F provocou unha segunda polémica con videoxogos en apenas un mes debido á súa actividade censora. GRIS non parou de medrar dende o seu lanzamento, e postulouse como un dos mellores xogos independentes do pasado 2018. Unha narrativa onde o deixarse levar pola arte de Conrad Roset marca un camiño belo e misterioso.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.