Actualidade Falece Koichi Sugiyama, compositor musical da saga Dragon Quest

Falece Koichi Sugiyama, compositor musical da saga Dragon Quest

Koichi Sugiyama (1931-2021) faleceu ao noventa anos. Compositor principal das bandas sonoras da saga Dragon Quest, o seu nome era un dos máis sinalados á hora de falar de bandas sonoras e videoxogos ao resultar unha fonte de inspiración notable para autores posteriores como Nobuo Uematsu ou Keiichi Suzuki, por mor do seu traballo orquestral dentro do medio.

Pioneiro na celebración de concertos de bandas sonoras de videoxogos, Sugiyama compuxo máis de 500 cancións para a franquía. O seu último traballo será póstumo, na entrega que está por chegar da saga, Dragon Quest XII.

Doutra banda, na súa vida persoal Sugiyama demostrou escoller un camiño cargado de odio e reivindicacións cargadas de apatía. Foi un declarado negacionista da Masacre de Nanjing, episodio histórico lamentable que inclúe a pillaxe, a violación masiva de mulleres e a matanza de civís e prisioneiros de guerra por parte do exercito imperial xaponés. A súa polémica máis recente sucedeu no ano 2015, cando afirmou que non é necesaria a educación LGBT nas escolas, desestimou a preocupación polas altas taxas de suicidio entre a comunidade LGBTQ e comentou que facer políticas seguindo as súas crenzas é unha forma de diferenciar á comunidade LGBTQ en lugar de discriminar. A propia Square Enix obrigouno a facer unha retractación pública.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.