Actualidade Fallout 76 incumpre a súa promesa e incluirá obxectos de ‘pay to win’

Fallout 76 incumpre a súa promesa e incluirá obxectos de ‘pay to win’

Finalmente, Bethesda cedeu ante a tentación de incluír micropagos en Fallout 76 que outorguen vantaxes reais no xogo aos usuarios e non só see limiten á copra de cosméticos. Pete Hines, responsable de márketing da empresa, asegurou en outubro que este tipo de transaccións só servirían para comprar obxectos desta clase, pero a cousa cambiou.

A Atomic Shop actualizarase o próximo 16 de abril cos kits de reparación, obxectos que permitirán reparar armas e equipo de maneira inmediata a cambio de diñeiro real, sen necesidade de buscar e colleitar materiais. A compañía non descartas novos engadidos deste tipo. Non son outra cousa que atallos que aforran ata horas de xogo e que evitan caer na monotonía de repetir certas misións.

Captura de pantalla da Atomic Shop.

«Os kits de reparación eran unha das peticións máis repetidas pola comunidade e queriamos poñelos en mans dos usuarios. Tamén serven para probar algo novo con eles: facer que se logren in-game e a través da Atomic Shop. Estamos a explorar distintas formas de facer realidade algunhas das ideas da comunidade, como neveiras para o CAMP, transformadores de munición e comida e mesmo a habilidade de enviar chatarra ao noso alixo (ou recuperala deste) sen ter que pasar pola base. Os kits de reparación permitirannos probar esta nova forma de ofrecer o contido e axustarémola en base ao voso feedback», reza o comunicado oficial.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.