Fallout 76 recibirá hoxe unha nova actualización

Bethesda quere que o seu novo título mellore día a día agora que xa está no mercado. Polo momento, anunciou un plan de actualizacións co que espera mellorar o rendemento do xogo e varios elementos do seu apartado visual.
A actualización chega despois de que diferentes medios internacionais, así como os propios usuarios, denunciasen un rendemento deficiente para a versión de PlayStation 4 e Xbox One.
A compañía estadounidense confirmou que están a tratar de escoitar todas as queixas reportadas polos xogadores sobre Fallout 76, por iso xustifica a chegada dun parche tan temperán (o do día do lanzamento pesaba máis que o propio xogo).
Será unha actualización de certa envergadura, aínda que as vindeiras serán, en principio, máis pequenas. “O noso plan é actualizar o xogo de forma habitual e detallar que arranxamos en cada actualización”, indica a propia compañía nun comunicado feito esta fin de semana.
Que melloras concretas contempla o parche de hoxe? Poder configurar o campo de visión, corrixir bugs que impiden completar certas misións, aumentar o límite de obxectos que o personaxe pode levar encima… En PC, ademais, tamén se poderá, dende agora, xogar en monitores ultrapanorámicos 21:9.