Actualidade FarmVille pechará as súas cancelas en Facebook este decembro

FarmVille pechará as súas cancelas en Facebook este decembro

Un dos terreos que todo usuario de Facebook pisou ao longo da súa vida na rede social son as leiras de FarmVille. O xogo de xestión de granxas anunciou que cesará a súa actividade o vindeiro 31 de decembro do 2020.

O motivo desta desaparición orixínase en que a partir de xaneiro do ano que vén Facebook deixará de ser compatible coa tecnoloxía Flash, polo que todos os videoxogos realizados coa mesma serán eliminados.

Desde o estudio creador do xogo detallaron que as compras dentro do mesmo admitiranse até o 17 de novembro. Ademais, até o día da despedida realizaranse numerosos eventos para lembrar os once anos de vida de FarmVille. Porén, a segunda e terceira entrega da saga atópanse dispoñibles en dispositivos móbiles, polo que non supón un adeus definitivo á franquía.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.