Actualidade FIFA 20 presume do fútbol feito na rúa con Volta

FIFA 20 presume do fútbol feito na rúa con Volta

EA publicou este xoves o novo tráiler con gameplay de Volta, o modo de xogo que recupera ese fútbol urbano que destilaba FIFA Street e que agora virá incluído dentro de FIFA 20.

Non foron poucos os usuarios que reclamaron á compañía americana máis dunha vez —e máis de dúas— que recuperase este título para volver recrearse con caneos imposibles e tiros moi no estilo de Oliver e Benji. Entre 2005 e 2012, chegaron a ver a luz até catro xogos dedicados en exclusiva a esta modalidade deportiva.

No novo adianto, que amosa algúns segundos de xogo, tamén permite comprobar as posibilidades de personalización dos diversos futbolistas e as dezasete localizacións ou pistas nas que poderemos disputar partidos, entre as que figura a cidade de Barcelona.

Volta é un modo de xogo que non requirirá dun desembolso extra de diñeiro máis aló da compra do xogo principal. Ollo, porque Nintendo Switch non contará con este modo. O novo capítulo da franquía FIFA verá a luz o próximo 27 de setembro en PC, PlayStation 4, Xbox One e a máquina híbrida de Nintendo.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *