Zona retro Final Fantasy revive na Switch

Final Fantasy revive na Switch

Parece que o recente exitazo de Octopath Traveler logrou que Nintendo teña ganas de traer de volt ata a súa Switch algúns dos RPGs máis famosos do noso tempo. Sendo Final Fantasy unha das sagas máis coñecidas tanto en oriente como en occidente, a súa chegada suporá unha boa inxección de nostalxia e, por que non, de títulos altamente recomendables para a consola híbrida.

Ata oito xogos (nove se contamos a segunda entrega do X) da franquicia Final Fantasy serán relanzados para Nintendo Switch. Unha estrea interesante coma pouco para a marca dentro da plataforma, tanto para a súa compañía coma para os seus usuarios. Os títulos elixidos son: Final Fantasy VII, Final Fantasy IX, Final Fantasy X e X-2 HD Remaster, Final Fantasy XII: The Zodiac Age, Final Fantasy XV Pocket Edition, World of Fantasy Maxima, Chocobo’s Mystery Dungeon Every Buddy! e FF Crystal Chronicles Remastered Edition.

Mentres que algún coma o Pocket Edition xa está dispoñible, a maioría chegarán ao longo do próximo ano, a excepción do World of Final Fantasy Maxima, que chegará o 6 de novembro deste ano, e o Chocobo’s Mystery Dungeon Every Buddy!, que ten previsto o seu lanzamento en inverno.

Por outro lado, seis dos nove títulos anunciados acabarán saíndo tamén para Xbox One. Na imaxe adxunta podedes comprobar cales. Unha boa noticia para todo aquel con sede de revivir algunhas das aventuras máis épicas que deu a propia historia dos videoxogos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.