Actualidade Final Fantasy VII Remake confirma canto espazo necesitará en PS4

Final Fantasy VII Remake confirma canto espazo necesitará en PS4

Non é un dato oficial, non polo menos un lanzado desde a propia compañía, pero si foi extraído dun dos seus produtos. A filtración da portada coreana de Final Fantasy VII Remake achega un dato relevante para aqueles que andan contando os xigabytes da súa PlayStation 4. A aventura de Cloud e compañía precisará dun espazo mínimo de 100 GB.

Podería parecer un tamaño excesivo, pero é próximo a outros grandes lanzamentos dos últimos anos (Red Dead Redemption 2, Gears of War 4, CoD…). Sexa como for, é evidente que os primeiros modelos de consolas teñen unha carencia evidente para soportar a instalación de varios destas obras de fin de xeración. Hai que pensar que, doutra banda, esta aventura está configurada como o primeiro capítulo dunha serie da que aínda non se sabe a súa extensión.

Hai uns días, Square Enix amosaba novas imaxes do xogo nunha exposición en Tokio. Após o coñecido atraso, a data oficial da estrea segue fixada para o 10 de abril. Durante un ano, será exclusivo de Sony.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.