Actualidade Final Fantasy VII Remake conta cun novo codirector

Final Fantasy VII Remake conta cun novo codirector

Square Enix vén de confirmar que Naoki Hamaguchi pasa a ser codirector da revisión de Final Fantasy VII, xunto a Tetsuya Nomura, o nome detrás da saga Kingdom Hearts. Trátase dunha reestruturación dentro do cadro de persoal que está a tratar de levar a bo porto o proxecto.

Doutra banda, o equipo 5th Business Division, comandado polo produtor e director Naoki Yoshida, transformouse na Third Development Division da compañía xaponesa e sinalan estar a desenvolver un novo videoxogo para a próxima xeración de consolas. Vaia, que tardaremos varios anos en poder xogalo.

Sobre Final Fantasy VII Remake pouco máis se sabe. En teoría deberían asomar novidades de camiño ao E3 2019 ou na propia feira dos Ángeles, aínda que nada hai confirmado oficialmente. Square Enix anunciou non hai moito que antes de que acabe este ano lanzarían un «gran título». O máis probable é que se trate de Avengers, aínda que tampouco transcendeu ningunha información sobre o seu desenvolvemento.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.