Actualidade Final Fantasy VII Remake será tan grande como calquera entrega anterior

Final Fantasy VII Remake será tan grande como calquera entrega anterior

Xa non queda nada até o 10 de abril. A espera foi longa, pero pronto poderemos volver pisar as rúas de Midgar con Cloud e compañía. Quedan diversas dúbidas por resolver, pero una das máis recorrentes é a da duración: Canto durará Final Fantasy VII Remake? Hai meses que sabemos que a aventura orixinal será partida nun número indeterminado de entregas, sendo esta a primeira. Como de longa será esta fantasía inicial?

Os seus responsábeis chaman á calma, de novo, e explican que non hai nada que temer. Final Fantasy VII Remake será tan grande como calquera entrega principal da franquía. Trátase dunha información transmitida por Yoshinori Kitase e Naoki Hamaguchi nunha entrevista  publicada pola división norteamericana de Square Enix. Hamaguchi, codirector do título, é claro á hora de despexar dúbidas sobre o volume de contidos do xogo: «Teño que dicir que Final Fantasy VII Remake foi deseñado coma se fose un xogo individual, e é comparable en tamaño aos outros xogos da saga principal de Final Fantasy».

A nova obra do estudo xaponés irá máis aló do xogo orixinal e tamén confirmou que haberá contidos endgame após finalizarmos este primeiro capítulo. Perante a pregunta de se haberá xefes secretos ou outro tipo de contido, o creador explicou que non quere revelar cales serán os elementos desta parte final, pero que non quedaremos decepcionados.

«Había unha chea de zonas entre as seccións de Midgar que se insinuaban, pero nunca se amosaban. Iso é algo que quixemos afrontar coa revisión, encher eses ocos, mostrar como se conectan as distintas partes da cidade, e facer diso unha experiencia continua», comenta Kitase.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.