Actualidade Final Fantasy VIII Remastered, xa dispoñible para a súa compra en iOS e Android

Final Fantasy VIII Remastered, xa dispoñible para a súa compra en iOS e Android

Xa podemos xogar Final Fantasy VIII nos nosos teléfonos móbiles. Si, o que hai anos parecería ciencia ficción é hoxe máis que posíbel. Square Enix segue avanzando na idea de xogarmos os seus títulos en calquera dispositivo e a chegada de Final Fantasy VIII Remastered ás tendas dixitais de iOS e Android así o confirma.

A versión que poderemos comprar nas dúas plataformas é a versión lanzada no 2019 para One, Switch, PS4 e PC. Ten un prezo de 18,99 euros desde hoxe e até o 4 de abril. Logo, pasará a custar 22,99 euros.

Defínese como unha versión mellorada da de PlayStation, con modelados novos para os personaxes e unha interface redeseñada, amais de pequenos cambios aquí e alá. Tamén se inclúen algúns detalles na xogabilidade, como a posibilidade de desactivar os combates, xogar a maior velocidade e axudas para que non quedemos atrancados en ningún punto do título.

Iso si, na propia información oficial desta versión é sinalada a existencia dun bug ao baixar dun vehículo que fai que teñamos que reiniciar o título, polo que recomendan gardar con frecuencia. O que avisa non é traidor pero… é de supoñer que o corrixirán nalgún momento, non?

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.