Final Fantasy X, X-2 e XII chegarán en abril a Switch e Xbox One

Final Fantasy X, X-2 e XII chegarán en abril a Switch e Xbox One

Square Enix vén de anunciar que os usuarios de Nintendo Switch e Xbox One poderán gozar, máis pronto que tarde, de tres títulos clásicos de PlayStation 2. Final Fantasy X, así como a súa continuación, e Final Fantasy XII The Zodiac Age chegarán o 16 e o 30 de abril respectivamente. Unha boa dose de nostalxia.

Final Fantasy X / X-2 HD Remaster

Esta dupla, xa que se venderán xuntos, inclúe as versións remasterizadas de Final Fantasy X e de Final Fantasy X-2. O primeiro foi un dos grandes bombazos da antiga máquina de Sony debido aos seus espectaculares gráficos e a unha épica narrativa, moi eloxiada. Moi querido por boa parte do público, non é estraño que moitos o definan como un dos Final Fantasy máis lembrados. Narra as aventuras de Tidus e a invocadora Yuna e os seus periplos por Spira. Sinh, un enorme monstro capaz de arrasar cidades enteiras, é o seu inimigo.

Posteriormente chegaría Final Fantasy X-2, cousa que sorprendeu a propios e estraños ao tratarse dunha continuación pura dentro dunha saga que tiña afeitos aos seus fans a historias independentes e pechadas. Retoma a Yuna como protagonista, acompañada de Rikku e Paine. Unha aventura que incorporou novos elementos xogables como os cambios de vestiario (e habilidades) no medio do combate, así como unha narrativa orixinal e infestada de sorpresas ao longo dos seus catro capítulos.

Final Fantasy XII The Zodiac Age

Último FF da xeración de PS2. Tardou tres anos en chegar trala anterior entrega (sen contar FF XI). Presentaba unhas mecánicas redeseñadas moi novas respecto ao pasado, e mesmo cambios climáticos en diversas zonas que modificaban a contorna. Os inimigos eran visibles a simple vista e abandonouse o sistema por quendas como tal. Quizais demasiados cambios nun só título. Con todo, despachou máis de seis millóns de copias, o que se traduciu nun verdadeiro éxito financeiro para a compañía xaponesa. De novo, unha parella coincide por obra e graza do destino, Ashe e Vaan, e xuntos embarcan nunha aventura chea de maxia, épica e aventura.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados