Actualidade Final Fantasy XIV recibirá en decembro unha actualización con novas misións e contidos

Final Fantasy XIV recibirá en decembro unha actualización con novas misións e contidos

Ocupando o seu sitio como un dos grandes MMO do momento, Final Fantasy XIV segue medrando en contidos e posibilidades. Se este verán recibía a expansión Shadowbringers, Square Enix confirmou hai unhas horas que en decembro pecharán o ano coa actualización 5.4, parche co que chegarán novos contidos, entre os que destaca un novo modo Explorador.

Que permitirá facer este novo modo? Percorrer os alxubes da expansión sen inimigos, aínda que si poderemos invocar monturas e esbirros para sacar fotos con eles. Ademais desta nova modalidade, serán engadidas misións principais, que ampliarán a historia de Shadowbringers. Incluirase tamén unha incursión para 8 xogadores, Eden’s Promise, e un novo alxube: Matoya’s Relict.

Doutra banda, a liña de misións The Sorrow of Werlyt amplíase cun novo capítulo que permitirá confrontar a Arma Esmeralda, coñecido inimigo da saga de rol. Alén do xa comentado, Square Enix promete numerosos axustes nos modos JcE e JcJ, xunto cun novo Unreal Trial para personaxes por encima do nivel 80, novos torneos por tempo limitado en Triplo Triad, a última actualización de Ishgard Restoration e unha actualización para o oficio de mago azul, con maior nivel máximo, nova maxia que aprender, e novo equipo de clase.

A cousa non remata aquí. Antes desa actualización veremos chegar, ao longo dos próximos día,s o parche 5.35 que culminará a liña Save the Queen cunha última misión, amais de novo contido como unha batalla a gran escala no fronte sur de Bozja xunto cunha nova zona por explorar.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.