Final Fantasy XIV xa é a obra máis rendíbel da saga

Final Fantasy XIV xa é a obra máis rendíbel da saga

Convertido no MMORPG máis xogado da actualidade, Final Fantasy XIV continúa acadando fitos, ao ser unha das entregas máis populares da saga á que pertence. Onde Final Fantasy XI fracasou —quizais por situarse nun momento demasiado temperán para o xogo en liña en consolas—, a décimo cuarta entrega é xa un exemplo de éxito.

Naoki Yoshida, director da obra, revelou que superaron a barreira dos 24 millóns de xogadores. Ademais, converteuse no Final Fantasy máis rendible da franquía, tal e como deixou constancia nunha entrevista con IGN.

Seguindo as palabras de Yoshida, o director sinala que coa chegada de Stormblood, a terceira expansión do xogo que chegou no ano 2017, a cifra de xogadores pasou de 4 millóns a 10 millóns, para despois duplicarse nos seguintes catro anos. As contas saen soas. «Quizais sexa impropio pola miña parte dicilo, mais en termos do noso negocio, puidemos lograr un gran éxito. No futuro, non escatimaremos en gastos cos nosos investimentos para asegurar que este xogo siga sendo un que os xogadores poidan gozar», recoñece Yoshida.

Unha nova expansión no camiño

Non pinta mal o futuro para Final Fantasy XIV. No horizonte xa asoma a expansión Endwalker, que chegará para PC e consolas PlayStation o próximo 24 de novembro. Queres vela en acción? No medio internacional dispoñen dun gameplay de case unha hora que podes ver a continuación:

Endwalker dará acceso a dúas clases de personaxe e seis áreas novas, amais dunha enorme cidade chamada Old Sharlayan. O límite de nivel verase aumentado de 80 a 90, e tamén será realizada unha redución xeral nos atributos do equipo, xogador e inimigos, co obxectivo de mellorar o equilibrio. A historia e o lore do xogo tamén recibirán un bo empuxón.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados