Final Fantasy XVI conta cun novo tráiler e sairá no verán de 2023

Final Fantasy XVI conta cun novo tráiler e sairá no verán de 2023

Cóntabase con el, e Square Enix non quixo decepcionar. Hai novo tráiler de Final Fantasy XVI, tráiler que tivo a honra de pechar o evento que Sony retransmitiu a pasada noite.

Alén deste adianto audiovisual, tamén deixan unha fiestra de lanzamento para poder ir pensando en como distribuír os nosos aforros: no verán do 2023, chegará para PlayStation 5.

O novo vídeo amosa a importancia que as invocacións —ou eikons— terán nesta nova aventura, ademais, claro, dos Dominantes, os personaxes que posúen a poder de albergar o poder destas creaturas.

Para que enganar a ninguén? A cousa luce ben, e o sistema de combate, unha curiosa mestura de mecánicas, semella interesante e dinámico.

Doutra banda, e tratando de aportar algo máis de luz a esta presentación, o produtor Naoki Yoshida explica no blogue oficial de PlayStation que o título xa é posíbel xogalo «de principio a fin» o que vén a situar un desenvolvemento avanzado, se ben aínda teñen por diante «un monte de retos» entre optimizacións e demais asuntos. Porén, é boa nova ver que o desenvolvemento foi máis unha liña recta que unha estrada chea de curvas.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados