Actualidade Final Fantasy XVI ofrece detalles do seu universo e personaxes en novas imaxes

Final Fantasy XVI ofrece detalles do seu universo e personaxes en novas imaxes

Sen dúbida, Final Fantasy XVI foi un dos anuncios máis chamativos dentro daquel evento de presentación de PS5 que viu setembro. O futuro xogo da franquía de Square Enix estreou páxina web e Naoki Yoshida, produtor da aventura, acaba de ofrecer non poucos detalles sobre o universo fantástico no que se desenvolverá a historia.

Yoshida bautizou este novo mundo como Valisthea, unha terra perforada por unhas enormes montañas de cristal coñecidas como Mothercrystals. Os protagonistas deste Final Fantasy pertencen ao Gran Ducado de Rosaria e loitan por protexer estes cristais, ao viviren baixo a súa bendición e posuír unha boa fortuna. Enténdese que tamén se desenvolveron guerras polo control destes lugares entre Rosaria, o Sacro Imperio de Sanbreque, o Reino de Waloed, a República de Dhalmekia e o Reino de Ferro. Agora, malia que unha relativa paz, semella que a aparición dun mal coñecido como a Praga crebará esta fráxil situación.

Clive Rosfield, principal protagonista desta entrega.

Clive Rosfield eríxese como o protagonista principal do xogo. É o fillo primoxénito do Archiduque de Rosaria, e verase «arrastrado a unha gran traxedia» mentres trata de protexer o seu irmán pequeno. O produtor xaponés descríbeo como un escudo valeroso que loita por defender ao seu irmán Joshua, o Dominante do Fénix.

En Final Fantasy XVI as invocacións pasarán a ser chamadas Eikons, seres co poder de cambiar o final dunha guerra ou destruír nacións e que habitan dentro dun Dominante. Así é, Joshua é o dominante do Fénix, poder que usa para protexer á súa terra e á súa familia. O trío protagonista péchase con Jill Warrick, unha amiga de sempre que creceu xunto cos dous irmáns, orixinaria dos Territorios do Norte, nación que xurou lealdade a Rosaria para garantir a paz entre os dous lugares.

O xogo non conta con data de lanzamento aínda, aínda que si se confirmou que leva máis de catro anos de traballo, polo que a súa chegada podería estar máis próxima do que un podería agardar, sobre todo se pensamos en Square Enix.

Ilustración do trío principal da aventura.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.