Flash desaparece pero poderemos seguir gozando de moitos dos seus títulos
Estaba anunciado: Flash Player deixaría de ser distribuído e actualizado neste 2021 que acaba de comezar. Adobe non lle seguirá dando soporte ao soporte Flash, o que supón a desaparición paulatina de todas as aplicacións que facían uso del. E si, claro, tamén de videoxogos.
Por sorte, non se trata dunha morte total nin definitiva, pois boa parte do contido seguirá vivo. Grazas aos distintos proxectos que durante os últimos meses desenvolveron medios alternativos para dar acceso aos contidos creados con esta ferramenta, a desaparición de Flash Player supón un punto e aparte, pero non un final. Por exemplo? Iniciativas como Ruffle —un emulador de Flash Player— o Flashpoint —onde están conservados uns 70.000 xogos— permitirán seguir xogando estas pezas.
«Semella que a imparábel marcha do progreso fará que os novos formatos fagan que os vellos queden obsoletos. Por iso é importante o arquivo e a accesibilidade», explica Mike Welsh, responsábel de Ruffle, en declaracióons a El País. «Mudarnos a novas plataformas é un mal necesario en nome do progreso. O erro está na falta de intentos de protexer da escuridade o que había antes», sinala Ben Latimore, fundador de Flashpoint.
A desaparición de Flash trae de volta o eterno dilema da extinción dixital e os graves problemas da desaparición de obras culturais sen atención institucional de ningún tipo. Aínda que as iniciativas xa comentadas salvarán unha parte importante de xogos, moitos serán perdidos para sempre. Nese sentido, o sentimento de non sermos capaces de salvagardar ou gozar de videoxogos pasados volve facer acto de aparición.