Actualidade Flashpoint, o proxecto que salvou miles de xogos Flash

Flashpoint, o proxecto que salvou miles de xogos Flash

Os anos 2000 foron unha explosión dentro da Internet. Centos de cibers estendíanse polas cidades, proporcionando un lugar no que acceder ao mundo virtual por un prezo asequíbel . Foi durante aqueles anos que moitos vivimos a través dos xogos Flash, en páxinas como Minijuegos ou Miniclip. Porén, esta tecnoloxía xa ten data de caducidade; o próximo 31 de decembro do 2020 darase por finalizado o soporte á mesma.

A actual propietaria da tecnoloxía Flash é Adobe e ten a súa orixe en FutureWave, adquirida posteriormente por Macromedia no ano 1996. Co paso do tempo, Adobe terminou por se facer con Macromedia e os seus programas. Na liña de Flash, Adobe ten proxectado integrar funcións en Adobe AIR, malia que os principais navegadores como Mozilla Firefox ou Google Chrome deixarán de dar soporte a Flash no 2020.

Foi xa en 2017 cando Adobe anunciou os seus plans de deixar de lado o soporte a Flash, polo que durante todo este tempo foron numerosas as peticións para que a empresa fixese o código libre. Deste xeito, poderíanse conservar os contidos xerados para esta tecnoloxía.

Tendo en conta a negativa de Adobe, un grupo de usuarios organizouse e creou o proxecto Flashpoint, que ten como obxectivo conservar a maior cantidade de videoxogos Flash. Nestes momentos xa acumulan máis de 36.000 xogos, unha cifra espectacular. Se queres, podes acceder a Flashpoint e descargar todos os xogos e animacións que foron gardados. É un sistema de código aberto.

Grazas ao proxecto Flashpoint, miles de títulos sobrevivirán ao triste destino que lles agardaba.

Mesmo podes recomendar algún título se aínda non se atopa dispoñíbel. Tamén existe unha opción pola cal os creadores orixinais poden solicitar que o seu xogo sexa eliminado, preservando os dereitos de copyright.

Un dos principais obxectivos que persegue este proxecto é obvio: a preservación da historia da industria. Multitude de estudios, desenvolvedores e profesionais do sector comezaron o seu camiño a través deste tipo de entretementos, desde un lado ou outro da pantalla. Podedes descargar a colección completa de xogos Flash a través desta ligazón, a cal ten un peso total de 290 GB.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.