eSports Fnatic non cede a final europea de League of Legends

Fnatic non cede a final europea de League of Legends

Cando un é favorito non o é por obra e maxia do Señor. En Madrid, Fnatic demostrou a superioridade prevista e fíxose coa coroa da final europea de League of Legends. Conseguiron derrotar a un FC Shalke 04 que tratou de plantar cara coas armas que tiña dispoñibles, pero que finalmente tivo que dar paso ao vixente campeón, que tamén obtivo o billete cara os Worlds que se celeberarán en Corea do Sur este outubro. Team Vitality tamén está presente nesta viaxe, tras obter a segunda praza grazas á suma dos puntos.

Non arrancou mal o equipo alemán, cun Gabriël Bwipo Rau inspirado e áxil, o que lle deu un moi bo early game ao seu equipo e a posibilidade de dar a sorpresa cunha victoria que chegaba no minuto 30. Para a súa desgraza, no segundo enfrontamento Fnatic atopou a comodidade necesaria a aproveitou tremendamente ben os erros do Shalke 04. O seu ritmo foi demasiado alto. Empate no marcador e a pola seguinte.

Viuno claro André Guilhoto, adestrador do equipo alemán, que pese a ter un draft sólido o seu conxunto non puido evitar ceder a seguinte partida. O nerviosismo pasou factura e o resto é historia: os alemáns perderon o norte e non conseguiron voltar a ofrecer o bo xogo visto no primeiro encontro. De máis a menos o Shalke, e de menos a máis Fnatic, o peixe estaba xa vendido. Destacada tamén foi a actuación de Martin Rekkles Larsson, sinalado coma MVP da serie por mor dunha brutal Quadra Kill que abriu as portas da derradeira victoria.

De novo, España foi quen de albergar unha final de League of Legends. As cifras semellan positivas. Só en Twitch, a retransmisión realizada pola LVP contou con picos de máis de 51.000 persoas, mentres que a emisión internacional tivo 230.000 usuarios pendentes do seu desenlace. E en Vistalegre? 11.000 almas animando e berrando por un deporte electrónico que logra manterse con vida pese ao paso dos anos e das tendencias.

 

Redaccion

Revista Morcego, o perfil para subir a información xeral, do día a día.